O alcalde de Ponte Caldelas, en pé de guerra ante a Xunta pola estrada de Laxoso
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A decisión da Xunta de Galicia de limitar as obras de arranxo da estrada PO-234 ao tramo que percorre Cotobade sentou moi mal no goberno local de Ponte Caldelas.
O alcalde Andrés Díaz anuncia que se poñerá diante das máquinas con todo o equipo de goberno para esixir que "free a persecución obsesiva contra o seu municipio". O rexedor anunciou que convocará urxentemente aos veciños da parroquia de Laxoso para informar sobre o que considera "a última cacicada da Xunta". E alerta de que vai promover unha manifestación de protesta e non descarta celebrala ante a sede da Xunta en Santiago de Compostela.
O enfado derívase de que o Concello convocou aos veciños o pasado 8 de xuño, na mesma semana en que a Xunta pedía colaboración ao goberno local para tentar conseguir a cesión dos terreos. O 90% dos participantes mostráronse dispostos a esa cesión. O 21 dese mes, o director xeral de Infraestruturas da Xunta visitaba a Alcaldía para apuntar que o inicio das obras na PO-234 no municipio de Ponte Caldelas ata Laxoso de Arriba. O anuncio agora da Xunta de que as obras se limitarán a Cotobade xerou este enfado no alcalde Andrés Díaz.
O Concello de Ponte Caldelas sinala que se elaborou un informe policial que acredita a falta de seguridade viaria e o incumprimento da normativa en materia de estradas da PO-234.
Díaz manifestou que "Núñez Feijóo en lugar dun presidente dunha Administración moderna parece un loteiro tramposo, que fai que a bola caia sempre nos mesmos municipios, que son os do club PP, e, entre eles, Cotobade e Mos levan a palma". O alcalde lamenta o incumprimento das promesas cando se anunciou que as obras se realizarían por fases nesa estrada comezando polo municipio de Ponte Caldelas.
O equipo de goberno de Ponte Caldelas celebrará unha asemblea coa veciñanza para estudar o anuncio da Xunta de que só executará o tramo de Cotobade da PO-234. Será este mércores na Casa do Pobo de Laxoso ás 21.00 horas.
Pola súa parte, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, envioulle unha carta o alcalde indicándolle que, ao igual que no tramo de Cotobade, o proxecto está finalizado e se licitarán as obras cando a Xunta dispoña dos terreos.
COTOBADE
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantiña unha xuntanza de traballo co alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, ao que lle trasladaba que o Consello da Xunta xa habilitou o crédito orzamentario para licitar neste ano as obras de mellora da estrada PO-234, entre Cruce ao Portasouto e Augasantas.
Vázquez Mourelle explicoulle ao rexedor que o goberno galego xa dispón do proxecto da fase I desta actuación, que ten un orzamento de máis de 633.000 euros.
Relacionadas:
-
O goberno local de Ponte Caldelas invita á Xunta a rectificar "a cacicada da PO-234"
Por Redacción |
-
Solicitan á Xunta que empece as obras da PO-234 polo tramo Ponte Caldelas-Laxoso
Por Oskar Viéitez |
-
A plataforma de afectados pola PO-234 apoiará a manifestación contra o proxecto
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas sairá á rúa ante a "cacicada" da PO-234 entre a Xunta e Cotobade
Por Redacción |
-
O 90% dos afectados pola ampliación da estrada Ponte Caldelas-Cotobade, dispostos a ceder os terreos
Por Redacción |
-
Afectados pola PO-234 inician un diálogo "franco e aberto" cos alcaldes de Cotobade e Ponte Caldelas
Por Redacción |