VÍDEO.- Un neno queda atrapado nunha estatua dos músicos de San Xosé
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un neno de tres anos quedou atrapado na tarde deste mércores nunha das estatuas que compoñen a coñecida composición dos músicos da praza de San Xosé e foi necesario un complicado operativo de rescate para liberalo. Finalmente, quedou libre sen ningún dano, pero o incidente deixou unha vítima colateral, un axente da Policía Local que participaba no dispositivo establecido na contorna e que acabou cunha lesión nun brazo.
Todo ocorreu pasadas as 18.00 horas deste mércores. O neno estaba a xogar no grupo escultórico que reproduce o faladoiro de intelectuais galegos fronte ao Café Moderno e, en circunstancias que se descoñecen, quedou atrapado entre os brazos da figura de Valentín Paz Andrade, de modo que a súa nai solicitou inmediatamente a intervención dos servizos de emerxencias.
Ao lugar desprazáronse efectivos dos Bombeiros e a Policía Local de Pontevedra e, para liberalo, foi necesario que os bombeiros utilizasen unhas tesoiras hidráulicas para cortar o brazo da escultura e, desta forma, poder sacar ao menor sen problemas.
O neno conseguiu ser liberado, pero, ao cortar o brazo de Valentín Paz Andrade, a peza saíu disparada e golpeou a un policía que se atopaba nas inmediacións. Froito do impacto co seu propio brazo, sufriu, segundo as primeiras valoracións médicas, unha mancadura leve.
Finalmente, os sanitarios desprazados si tiveron que intervir para atender un ferido, pero non o neno, senón o axente, que foi trasladado en ambulancia ao hospital Domínguez de Pontevedra.