Sanxenxo 'reciclará' 2.000 metros cadrados de lastra
Por Redacción
O persoal do departamento de Servizos do Concello de Sanxenxo está a retirar máis de 2.000 metros cadrados de lastra e pedra que conformaban o pavimento da praza de Fonte de Ramos e trasládao ao Punto Limpo e a outra propiedade municipal co obxectivo de reutilizalo para actuacións futuras en diversas localizacións.
A obra de impermeabilización da praza, acometida pola concesionaria do parking que está debaixo, inclúe a substitución deste material por formigón impreso con recollida perimetral de augas pluviais e un aliviadoiro central que evite as filtracións á planta baixa e laterais da praza, de modo que a lastra actual quedaba inutilizada. Desta forma, poderá dárselle un segundo uso.
O concelleiro de Servizos, Maxi González, destaca a laboriosidade destas tarefas nas que están centrados seis operarios municipais, apoiados por un tractor e dous camións, un deles cedido para estes traballos pola Mancomunidade do Salnés.
Este mesmo persoal do departamento de Servizos afronta esta fin de semana unha das xornadas laborais máis complexas do verán, ao ter que montar o escenario para a celebración da Feira da Cebola este domingo e a colocación das casetas nos que se comercializará este produto.
Ademais, deberán valar de madrugada diversos puntos do percorrido do I Tríatlon de Sanxenxo, que comezará ás 9.00 da mañá deste domingo, e encargaranse do dispositivo loxístico para que veciños e visitantes poidan gozar do espectáculo pirotécnico que se desenvolverá a noite do domingo.