Tesouros de chocolate para quen "pontevedree" en familia polo centro histórico
Por Redacción
Coñecer a cidade a través dunha xincana. Así é a proposta que o Concello de Pontevedra pon en marcha para promover o turismo familiar. Esta iniciativa desenvólvese con produtos deseñados para os máis pequenos por empresas da cidade coa intención de que descubran os lugares emblemáticos do centro histórico a través de xogos e rutas polas que poden moverse sen perigo.
A proposta que leva por título "Pontevédrate en familia" foi presentada pola concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, acompañada polo escritor Rodrigo Cota, encargado de guionizar os xogos da actividade "A procura do tesouro", unha ruta na que a través de oito vídeos de animación co pirata Benito Soto, realizados por Jose Aragunde e producidos por Fernando Portela, situados en oito puntos de interese turístico, os escolares irán coñecendo a cidade coa axuda dun móbil e das historias animadas. Quen consiga facer todo o percorrido gañarán moedas de chocolate e un diploma.
O 7 de setembro realizarase unha visita guiada gratuíta para que se poida coñecer esta gymkana con saída ás 18.30 horas. A inscrición para participar pódese facer a través do correo turinapontevedra@gmail.com. O orzamento desta actividade sitúase ao redor dos 8.000 euros.
MINIPASEOS
Ademais tamén se poñerán en marcha MiniPaseos, unhas rutas de 90 minutos de duración pensadas para o público familiar e que teñen como obxectivo que se coñeza o centro a través do teatro, disfraces e música cos nenos como protagonistas. "Queremos que os pequenos coñezan o nome da praza de Curros Enríquez e non que a chamen como a praza de Burger King", segundo Cora Velasco, unha das guías.
As saídas serán desde a Praza da Peregrina o 5, 12 e 14 de setembro ás 18.30 horas. Os adultos contarán cun prezo de 4 euros mentres que os menores pagarán 2 euros. Todos os nenos deberán ir baixo a supervisión dun adulto.