O paso de peóns da gardería O Toxo terá un farol "intelixente"
Por Redacción
O Concello de Pontevedra comezou a instalación do primeiro farol urbano intelixente que se colocará na cidade, en concreto, no paso de peóns fronte á gardería O Toxo, en San Roque. Trátase dun elemento do mobiliario urbano de carácter experimental que non deslumbra aos condutores e ao tempo ilumina aos peóns que queran atravesar a rúa.
O lugar escollido débese a que é un paso que non estaba ben iluminado, e que ten moito tránsito peonil ao estar na zona da gardería pública O Toxo.
A instalación desta innovadora luminaria experimental será a cargo da empresa pontevedresa Setga, que bautizou o farol como Prudenza. O dispositivo ilumina en horizontal, é dicir, o paso de peóns (como todos os farois das rúas do Concello) e en vertical, é dicir, ao peón unha vez que se achegue ao paso. Ademais, emitirá avisos luminosos para indicar que vai a atravesar unha persoa.
Ao detectar a presenza de peóns na contorna a través dun sensor de movemento, Prudenza intensifica a iluminación no plano vertical, facilitando o recoñecemento anticipado do peón por parte do conductor. Grazas á súa fotometría avanzada e ao sistema óptico, garantízase que os conductores poidan experimentar un nivel de confort visual absoluto, evitando calquera sensación de deslumbramento. Á súa vez, o sistema de balizamento intermitente dirixido aos vehículos reforza o aviso, incrementando o estado de atención e focalización visual sobre o paso de peóns.
O novo dispositivo contará con 40 lux, os esixidos polo real decreto de eficiencia enerxética, e a luminaria será led.