Adxudican as obras para habilitar novos talleres no segundo edificio do Carlos Oroza
Por Redacción
A Xunta de Galicia adxudicou as obras da segunda fase da ampliación do CIFP Carlos Oroza por un importe de preto de 280.599 euros.
Cun prazo de execución de sete semanas, os traballos permitirán acondicionar a planta segunda do novo edificio con talleres de panadería e pastelería e confitería-chocolatería.
Segundo informou a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria facendo referencia á plataforma pública de contratación, trátase do volume construído na primeira fase da actuación, que conta con case 1.700 metros cadrados distribuídos en baixo máis dúas plantas.
Esta nova edificación está conectada co edificio existente e acolle na planta baixa a cociña demostración, economato e almacén con cámaras de frío; e na planta primeira unha aula-taller de cociña.