Setembro trae consigo a reforma nos accesos ao estadio de San Pedro
Por Redacción
As obras de reforma proxectadas na rúa San Pedro de Marín, ata a entrada ao estadio de fútbol, comezarán "nos próximos días", segundo recoñece o Concello.
Adxudicados os traballos á empresa E.C. Casas por 26.557,42 euros, só falta formalizar o contrato para que comecen, cun período de execución de dúas semanas.
O proxecto establece a prolongación das beirarrúas da rúa San Pedro nas esquinas que dan acceso á chaira do estadio. Ademais mellorarase o firme da calzada e instalarase un paso de peóns elevado á entrada do recinto deportivo para mellorar a seguridade viaria na zona.
Estas obras terán continuidade na mesma contorna co proxecto de asfaltado e ordenación da zona que rodea o pavillón da Raña. O obxectivo do goberno local pasa por que os traballos poidan "ser contratados o máis axiña posible".