Un grupo de mergulladores limpará o fondo mariño do porto de Bueu
Por Redacción
Portos de Galicia realizará unha limpeza no fondo mariño do porto de Bueu a mediados do mes de setembro.
Así o anunciou o seu presidente, José Juan Durán, nunha visita á dársena na que se realizará a limpeza acompañado de representantes da confraría de pescadores e do Concello de Bueu.
Un grupo de mergulladores encargarase dos traballos, que implican unha recollida selectiva de obxectos do fondo mariño nas augas interiores do porto e que se suman á limpeza en terra que pretende mellorar a imaxe das instalacións.
O equipo especializado neste tipo de limpezas contará cun camión guindastre para a extracción e transporte dos residuos e cunha lancha para o transporte de medios materiais e humanos.
Pola experiencia de actuacións anteriores, os obxectos que adoitan atopase no fondo mariño son restos de embarcacións, neumáticos que serven de defensa do peirao, cadeas e cabos, entre outros.