O Concello de Portas utiliza unha aplicación móbil para informar os veciños
Por Oskar Viéitez
O Concello de Portas implantou unha App de mensaxería instantánea para poder enviar información municipal de interese aos veciños dun modo áxil e actualizado.
As novas tecnoloxías, en especial os dispositivos móbiles, convertéronse nunha referencia para manterse informados de todas as actividades que se celebran na contorna. Ese é o motivo da nova aposta do Concello de Portas, que puxo en marcha unha aplicación para móbiles coa que manter informados a todos os veciños de calquera clase de evento que se celebre no municipio, sexa cultural, social, educativo ou deportivo.
A aplicación, chamada TokApp School, é totalmente gratuíta e pódese descargar a través de Google Play, sendo válido para as plataformas Android, Apple e Windows, as máis utilizadas nos dispositivos móbiles.
Segundo fontes municipais, o obxectivo do goberno local é "fortalecer a participación cidadá".
A forma de estar conectado co Concello é moi sinxela. Unha vez descargada a aplicación, o usuario debe rexistrarse e facilitar á administración municipal o nome e o número de teléfono para poder incluílos no grupo. Unha vez realizado este requisito indispensable, xa se pode gozar de todas as actualizacións e eventos que leven a cabo no municipio.
O alcalde Víctor Estévez estima que "esta ferramenta, que é moi sinxela de utilizar pode ser de gran utilidade tanto para o Concello como para os veciños á hora de estar informados da actualidade municipal". Estima que así se aforrará en papel, tinta e chamadas.