Un tríatlon obrigará a cortar a PO-308 entre A Lanzada e Portonovo durante a mañá do domingo
Por Redacción
O acceso a boa parte das praias do municipio de Sanxenxo, como as de Canelas, Montalvo ou Paxariñas, estará condicionado o vindeiro domingo 4 de setembro por unha proba de tríatlon.
A disputa do I Tríatlon Boamorte obrigará a cortar o tráfico a PO-308 de 9:00 a 13:00 horas desde A Lanzada, concretamente desde o campo de fútbol de Noalla, ata a rotonda de Baltar, en Portonovo, por onde trasncurrirá o circuíto de ciclismo.
Así o establece o plan especial de tráfico deseñado pola Concellería de Seguridade. Durante ese período de tempo non estará permitido o acceso a este viario desde as estradas de Adina, Aios e Noalla, polo que se recomenda circular por vías alternativas e evitar os desprazamentos na medida do posible, xa que os vehículos alí estacionados non se poderán mover ata a finalización da proba deportiva.
As restricións afectarán tamén o centro urbano de Portonovo, onde desde as 8:00 horas e ata as 14:00 horas cortarase o tráfico rodado nas rúas Rafael Picó e Espiñeiro. Debido a iso as saídas da vila faranse pola Avenida de Pontevedra e a rúa Arenal e o acceso ao centro farase por Arenal. Ademais non estará permitido estacionar ou mover os vehículos do interior do parking do porto.