Os coches abandonados teñen os días contados en 37 concellos da provincia
Por Redacción
Un total de 37 concellos da provincia de Pontevedra adheríronse a un convenio de colaboración coa Deputación Provincial para a retirada e tratamento de descontaminación dos vehículos abandonados ou fóra de uso.
O convenio, que xa se asinara o ano pasado, afecta a concellos da provincia cunha poboación inferior a 50.000 habitantes. O servizo non terá ningún custo para os municipios e suporá que a empresa adxudicataria (Vigoto Uno S.L.) deberá retirar os vehículos nun prazo non superior a cinco días despois de que dende os Concellos se lle requira.
O convenio ten un período de validez de dous anos a contar dende a súa sinatura, pero poderá ser prorrogable por outros dous no caso de que ambas as dúas partes así o acorden.
Segundo informa a Deputación, pon en marcha este convenio conscientes do aumento do número de vehículos que se atopan nesta situación e da contaminación ambiental e visual que xeran. O obxectivo é garantir a prestación integral e axeitada dos servizos de competencia municipal, entre os que se atopan a recollida e xestión de vehículos.
Os 37 concellos beneficiarios deste convenio son os seguintes: Agolada, Arbo, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, A Cañiza, Catoira, Cotobade, Covelo, Crecente, A Estrada, Forcarei, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Pazos, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontecesures, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Soutomaior, Vilaboa e Vilanova de Arousa.