Cuntis perseguirá os aparcadoiros indebidos
Por Oskar Viéitez
O Concello de Cuntis acaba de emitir un bando no que anuncia o inicio dunha campaña de vixilancia e control dos aparcadoiros indebidos.
Estes "reiterados" problemas de circulación foron detectados, especialmente, no centro histórico e nas rúas Bernardo Sagasta, Jesús Sánchez e Rosalía de Castro.
O alcalde, Manuel Campos, sinala os "continuos incumprimentos das normas xerais" por parte dalgúns condutores, un comportamento que asegura "viuse incrementado" provocando as consecuentes "molestias e inconvenientes" tanto ao resto de veciños como á fluidez do tránsito de vehículos.
O goberno local quere poñer freo aos aparcadoiros en dobre fila, en zonas amarelas ou encima das beirarrúas.
Desde a Alcaldía solicítase aos condutores o cumprimento da sinalización en canto ao estacionamento de vehículos e anúnciase o inicio dunha campaña de "vixilancia e control" destas zonas por parte da Policía Local e da Garda Civil.
O Concello de Cuntis non dispón de guindastre, polo que as sancións, en caso de producirse, serán económicas.