Veciños e visitantes competirán nunha nova sesión do xogo das pistas en Portonovo
Por Redacción
Portonovo vivirá este martes a última sesión do Xogo de Pistas, que este ano rexistra unha forte demanda de participantes.
E é que se trata dunha iniciativa que busca dar a coñecer os diferentes recunchos de Portonovo dunha forma lúdica e divertida, mediante pistas e rastreos que obrigan aos participantes para percorrer toda a localidade.
Desde unha pista inicial, os participantes, que concursan en grupo, deben descifrar as claves que lle guiarán ata a seguinte pista, que poden atoparse en 19 enclaves diferentes. Á vez, cada sobre inclúe parte dun enigma que os grupos deben descifrar para converterse en gañadores do xogo.
Desde a Casa Mariñeira, punto de partida do xogo, os concursantes deben desprazarse á praia de Caneliñas, o Porto, o Mercado de Abastos ou o Parque do Espiñeiro para ir localizando as pistas ocultas e dar forma á temática exposta. A pasada semana, por exemplo, os concursantes foron recibindo con cada pista nomes de deportistas olímpicos que formaron parte da delegación española en Río e obtiveron medallas. Na primeira fase do xogo debían combinar o nome do deportista e a medalla (ouro, prata ou bronce) obtida. Na segunda fase recibiron un segundo sobre no que debían ademais identificalos coa disciplina deportiva na que competiron.
Participantes de Pontevedra e Vigo sobre todo, veraneantes en Portonovo, mestúranse así con veciños desta localidade, de todas as idades, nun xogo de habilidade no que a rapidez resulta fundamental.
Máis de sesenta persoas participaron xa nas dúas sesións anteriores deste xogo, o que demostra o interese que espertan as propostas de lecer en familia, unha fórmula pola que apostou decididamente este verán a Concellería de Cultura, dirixida por Sandra Fernández Agraso.