Jacobo Moreira, elixido presidente dunha mesa electoral
Por Redacción
Ten causa de abstención polo que, se quere, Jacobo Moreira Ferro, poderá rexeitar a presidencia da mesa electoral que lle tocou no sorteo celebrado este luns ao comezo do Pleno municipal de Pontevedra.
A presidencia do portavoz do grupo municipal do Partido Popular foi a anécdota deste sorteo dos compoñentes das mesas electorais para as autonómicas do próximo 25 de setembro.
É obrigatorio o cargo de vogal ou presidente de mesa electoral que de ser incumprida está castigada pola lei coa pena de prisión de 3 meses a 1 ano ou multa de 6 a 24 meses.
Se, do mesmo xeito que lle sucedeu a Jacobo Moreira, vostede resulta seleccionado para formar parte dunha mesa electoral e non cumpre as condicións requiridas ou non vai poder desempeñar ese cargo por causa xustificada e demostrable, ten que alegar esas circunstancias á Xunta Electoral de Zona. Se non o fai e non se presenta ou abandona o cargo, está a incorrer nun delito castigado pola lei electoral.
Os presidentes e vogais das mesas electorais selecciónanse por sorteo público entre os electores da sección que sexan menores de setenta anos e que saiban ler e escribir. Aínda que a partir dos sesenta e cinco anos poderán manifestar a súa renuncia no prazo de sete días.
O presidente deberá ter o título de Bacharelato ou o de Formación Profesional de segundo Grao, ou subsidiariamente o de Graduado Escolar ou equivalente.