Queres mercar toda a uva albariña do Castelo de Soutomaior?
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra vén de iniciar, a través dunha resolución presidencial, o procedemento aberto co que se procederá á poxa pública para o alleamento da uva albariña procedente da explotación vitivinícola do Castelo de Soutomaior. O castelo, fortaleza da Idade Media que hoxe en día é patrimonio público, foi adquirido pola institución provincial no ano 1982 e a súa explotación vitivinícola, que conta con catro hectáreas (o castelo ten unha extensión de 33), data do ano 1984.
Ao igual que xa se fixera o ano pasado, cando se procedeu a poxar publicamente esta uva por primeira vez, as empresas interesadas en vendimar a uva do Castelo de Soutomaior poderán presentar as súas propostas nun prazo de sete días naturais a partir do día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
A adega gañadora será a encargada de levar a cabo a vendima da uva, da recollida da mesma na leira do castelo e tamén do traslado á adega. O único criterio de adxudicación que terá en conta a institución provincial será a puxa máis alta, partindo dun prezo mínimo establecido en 1,10 euros o quilo. No caso de haber dúas ou máis propostas idénticas, a uva repartirase por igual entre as empresas interesadas.
En canto á colleita de 2016, este ano a vendima vén adiantada respecto a anos anteriores, cunha data de inicio estimada para a terceira semana de setembro. Ademais, tratarase dunha colleita abundante, na que se poderán acadar aproximadamente uns 16.000 quilos de uva entre albariña e doutras variedades, o que supón un aumento estimado de máis de 1.000 quilos respecto a 2015, cando se recolleron 14.720 quilos.