Victoriano Otero e Alejandro Izuzquiza reciben este ano as Cebolas de Ouro
Por Redacción
Máis de medio século de dedicación ao servizo público é só un dos méritos que converten a Victoriano Andrés Otero Iglesias nun dos galardoados coa Cebola de Ouro nesta nova edición da festa que terá lugar o vindeiro domingo 4 de setembro. Compartirá escenario e galardón con Alejandro Izuzquiza Sánchez, quen chegou a Sanxenxo o verán de 1986 para converterse nun incondicional da vila turística e un defensor sen concesións das bonanzas turísticas, e gastronómicas, deste pobo.
A de Victoriano Otero é unha vida de dedicación á administración pública. Comezou a traballar no Concello cando tiña tan só 16 anos (a pesar de que a maioría de idade naquel entón eran os 21) como ordenanza pero foi escalando ata ser secretario accidental. "Non foi un asalto, arroupáronme os meus propios compañeiros". Coa humildade que caracterizou a súa traxectoria laboral, Victoriano Otero lembra o día da súa xubilación, en 2012, cun acto ao que acudiu todo o persoal de traballadores municipais e non faltaron os discursos afagadores.
Con todo a Victoriano Otero non lle gusta presumir de logros. Sorrí, iso si, ao asegurar que talvez sexa dos poucos traballadores que nunca colleu unha baixa. "A enfermidade respectoume, nada máis". E tamén se mostra satisfeito de ser unha persoa de confianza, "e sempre leal", para os doce alcaldes cos que traballou nos seus 54 anos de vida laboral.
Victoriano Otero é unha peza crave na historia recente de Sanxenxo. El non oculta que foi o artífice da primeira campaña que potenciaba a imaxe turística de Sanxenxo; de poñer en marcha o expediente e achegar a documentación que recuperou o escudo e instaurou a actual bandeira de Sanxenxo ou que foi o "cociñeiro" da Feira da Cebola. Con todo non é necesario máis que repasar o seu currículo para comprobar que recibiu cinco Votos de Graza, distincións outorgadas polo Pleno da Corporación ou pola Comisión de Goberno, en recoñecemento a diferentes traballos. Non son as únicas distincións que conta no seu haber, xa que recibiu tamén o Premio Aviador Piñeiro ao Mérito Histórico outorgado pola Asociación de Veciños de Adina en 2013.
"Resúltame grato comprobar que entenderon que fun un funcionario ao servizo dos cidadáns, nada máis"
Catro anos despois da súa despedida do Concello de Sanxenxo, Victoriano Otero segue cultivando a súa paixón pola historia e a súa vocación de servizo público. "Xubileime, despedinme e ao día seguinte empecei unha nova etapa". No ático da súa vivenda habilitou o que el chama o seu "santuario", un espazo reservado para libros, documentos, arquivos e cartafoles. E desde alí mantén activo o seu intelecto, inmerso en máis dun proxecto. "Agora mesmo estou a traballar nun estudo sobre a construción do Novo Templo de Sanxenxo. Eu non me impoño datas. Manexo moita documentación e o que me importa é o resultado final".
"Recibo este premio con sorpresa, porque fun cociñeiro antes que frade, xa que formaba parte do Tribunal cando se crearon as bases para a elección destes premios". E tampouco dubida en recoñecer que "sorpréndeme especialmente pola composición do goberno actual; resúltame grato comprobar que entenderon que fun un funcionario ao servizo dos cidadáns, nada máis", explica.
ALEJANDRO IZUZQUIZA
O segundo galardoado nesta edición da Feira da Cebola é Alejandro Izuzquiza Ibáñez de Aldecoa, natural de Madrid, pai de cinco fillos e director de operacións do Consorcio de Compensación de Seguros, dependente do Ministerio de Economía, unha entidade que se encarga de indemnizar en caso de catástrofe naturais, de atentados terroristas e ás vítimas de accidentes de circulación producidos por vehículos que circulan sen seguro ou non identificados.
A súa cidade natal e as súas relacións laborais son o escenario que Alejandro Izuzquiza utiliza durante once meses ao ano para converterse en embaixador de Sanxenxo e destacar as bonanzas desta terra, á que chegou hai tres décadas por indicación da súa muller e á que se mantivo fiel durante 30 veráns xa.
"El primer día que llegué, aparqué el coche y nos fuimos a tomar unos vinos y unas tapas a Sanxenxo, y luego andando hasta Portonovo. Mis amigos en Madrid estaban preocupados por si me adaptaría a este pueblito gallego que no conocía. Así que lo primero que hice fue buscar una cabina telefónica y llamarles, ese primer día, para decirles que estuviesen tranquilos, que de aquí no me movería nadie". E así foi. Alejandro Azuzquiza e a súa esposa foron transmitindo a súa paixón por Sanxenxo aos seus fillos e hoxe, todos elixen esta vila para pasar as súas vacacións.
"Nunca pensé que ser un enamorado de Sanxenxo me convirtiese en merecedor de esta distinción"
"De Sanxenxo destacaría la amabilidad y simpatía de sus gentes; la alegría y la luz del paisaje y la comida, los albariños y el tinto de Barrantes. Aquí hay una cultura única". Engade a maiores a singularidade de combinar dous mundos distintos. "Desde mi casa, en el centro de Sanxenxo, si camino ocho minutos estoy ya en una zona interior. Me gusta caminar por la tarde hacia Aldariz, Nantes, etc. Y si camino dos minutos en dirección contraria estoy en la zona portuaria. A mi entender, ese es el gran encanto de Sanxenxo", apunta.
Alejandro Azuzquiza recibiu a Medalla ao Mérito do Seguro como inspector de Seguros do Estado e a Medalla ao Mérito Militar pola sensibilidade coa que tratou as indemnizacións a membros do exército español en misións de paz. "Pero tengo que reconocer que la Cebola de Ouro me emociona especialmente, por inesperada y porque nunca pensé que ser un enamorado de Sanxenxo me convirtiese en merecedor de esta distinción".