O xacemento da Lanzada é "o mellor libro de historia de toda Galicia"
Por Redacción
As novas escavacións que o equipo de arqueólogos da Deputación de Pontevedra fixeron nestas últimas datas no xacemento galaico-romano de A Lanzada xa alcanza máis de 2.500 pezas de todo tipo.
A Deputación aprobou unha inversión de 262.541 euros para a posta en valor deste asentamento galaico-romano. O anuncio fíxose este venres no transcurso dunha visita que realizaron os deputados provinciais de Turismo e Cultura, Santos Héctor e Xosé Leal ás escavacións, na que tamén estivo presente o alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita.
A localización dos restos óseos dun cánido nun enterramento moi antigo é un dos achados máis curiosos, aínda que os técnicos son moi prudentes e, o enterramento está sen datar. Os primeiros análises indican que se trata dunha fosa moi antiga que podería tratarse incluso da época romana, xa que non sería a primeira que aparece este tipo de restos de cans noutras escavacións.
En todo caso, polo momento están a espera de novas análises para poder concretar máis datos deste enterramento. De feito, neste intre estase a recuperar á totalidade dos osos do can para ser enviada a Universidade de León para ser sometida as probas do "carbono 14" e poder determinar a súa verdadeira idade. Para os técnicos o cánido podería ter dende 2.000 ate cincuenta anos "polo que queremos ser moi cautos, aínda que de ser da época romana sería un dos mellor conservados de todo o noroeste peninsular".
O deputado de Turismo recordou que estas escavacións forman parte do protocolo co Ministerio de Fomento e que este mesmo mes aprobouse o convenio co Concello de Sanxenxo e a comunidade de montes de Noalla para a posta en valor deste xacemento galaico-romano cun investimento de 262.541,48 euros.
Os traballos neste xacemento comezaron a mediados de xullo e está previsto que rematen en novembro tras o cal será o Ministerio de Fomento quen deberá intervir para a musealización do espazo arqueolóxico.
Neste pouco máis dun mes de traballos ademais do achado dos restos do cánido tamén se localizaron máis de 2.500 pezas de cerámica de luxo da época romana; dúas moedas de bronce romanas; un alfinete romano para o cabelo feito en óso; ou un brazalete de bronce decorado, entre os máis destacados. Todos estes restos sitúan o xacemento na cronoloxía que vai dende o século primeiro ate o terceiro despois de Cristo.
Ademais destes restos arqueolóxicos, a nivel de estruturas ate de agora traballouse sobre todo en sacar e consolidar as escavacións realizadas antes nesta zona. En concreto, consolidouse unha gran estrutura rectangular de máis de noventa metros cadrados da época tardío romana; unha estancia da época alto imperial e unha cabana circular da época castrexa que foi soterrada polo romanos.
As novas escavacións xa fixeron retirar preto de 20 toneladas de terra e pretenden continuar ate duplicar a actual superficie, que xa presenta numerosas estruturas ao descuberto.
Relacionadas:
-
Os arqueólogos descobren o esqueleto dun segundo bebé no Campo da Lanzada
Por Oskar Viéitez |
-
Despois do descubrimento de Cornelia os arqueólogos achan o esqueleto dun bebé na Lanzada
Por Redacción |
-
Achan un esqueleto dunha muller nova no xacemento da Lanzada
Por Redacción |
-
Fomento paraliza a musealización de 18 castros apelando á falta de Goberno en Madrid
Por Alejandro Espiño |
-
Retoman as escavacións no xacemento da Lanzada para poñer en valor todo o conxunto
Por Redacción & Mónica Patxot |