A Deputación acusa de "reparto clientelar" á Xunta por asinar convenios "só" con municipios do PP
Por Diego Espiño
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acusou este venres á Xunta de Galicia de facer unha política "indigna e clientelar".
Silva asegura que "estamos a estudar a posibilidade de presentar un recurso" ante "algunhas decisións que está a tomar a Xunta de arranxos de centros educativos ou camiños exclusivamente en lugares onde goberna o Partido Popular".
Quéixase en particular das axudas para reparar os danos dos temporais do pasado inverno, que xa motivaron a queixa do alcalde de Ponte Caldelas. A estas axudas presentáronse "33 concellos da provincia" e concedéronse a 14 "todos do PP", deixando fóra municipios como Caldas de Reis, Ponte Caldelas ou Fornelos e incluíndo a "outros que non o solicitaran" como Cotobade, Pontecesures, Agolada ou Salvaterra.
"Os recursos non son do señor Feijóo, os recursos son de todos os pontevedreses e teñen que chegar a eles. As persoas que viven en Caldas son tan pontevedreses como os que viven en Mos, teñen os mesmos dereitos", queixouse a presidenta da Deputación.
Por esa razón Carmela Silva anunciou que recompilarán "todas as firmas de convenios que a Xunta de Galicia está facendo con concellos da provincia de Pontevedra" ao entender que "en precampaña electoral hai que ter un pouco de dignidade política", sinalou.