Piden colaboración cidadá en Sanxenxo para localizar os autores de verteduras incontroladas
Por Redacción
A concelleira de Medio Ambiente de Sanxenxo, Coral González-Haba solicitou a colaboración cidadá para tentar localizar aos autores de verteduras incontroladas en Monte Faro, Adina e no lugar de Rexenxo, en Dorrón, que foron retirados durante as últimas horas por este departamento do Concello de Sanxenxo.
Os restos foran abandonados no monte e foron trasladados a puntos autorizados, de forma que as zonas onde se acumularon estes desperdicios quedaron en perfecto estado tras a retirada.
Segundo Coral González-Haba é necesario erradicar estas prácticas que causan graves prexuízos á contorna e sinala que periodicamente se detectan casos deste tipo na vila turística. Neste sentido, a concelleira sinala que a vertedura de Monte Faro é reincidente e reprodúcese cada vez que se retiran os cascallos.
Por este motivo, desde o Concello de Sanxenxo, piden a colaboración cidadá para localizar aos infractores e impoñer sancións que van desde os 90 aos 600 euros de multa polo abandono de mobles, colchóns, electrodomésticos e cascallos en vías ou espazos públicos.
O Concello de Sanxenxo dispón dun servizo de recollida de material voluminoso porta a porta, sen custo para os usuarios. Para concretar o día e a hora de retirada só hai que chamar ao 638 240 885. Ademais, o municipio conta cun Punto Limpo nas Cereixeiras, en Padriñan.