Deixa o coche aparcado ante a praza de touros e amence manchado de pintura vermella
Por Diego Espiño
Un veciño do barrio pontevedrés de San Roque levou unha desagradable sorpresa este xoves cando, ao saír do seu domicilio, atopou o seu coche manchado con pintura vermella.
O vehículo estaba estacionado na rúa Víctor Said Armesto, fronte a praza de touros, explica Javier López, que sospeita que "alguien iba a tirar un bote de pintura a la pared de la plaza, le debieron sorprender y se le cayó".
O afectado asegura que se trataba de "un tarro de mermelada" cheo de pintura, e que "a la 1:00 volvía de cenar y el coche estaba bien", polo que o incidente se tivo que producir entre esa hora e as 7:00 da mañá.
Ao descubrilo chamou á Policía Nacional, aínda que nun primeiro momento non presentou denuncia. A este respecto as forzas da orde explicaron que en caso de dar co culpable non se tramitaría como un delito, só como unha infracción administrativa.
Aínda que é complicado dar co responsable, Javier López asegura que por "la época del año, el color de la pintura" e tamén porque "llevo viendo toda mi vida como pintan la plaza", na súa opinión todo apunta a unha persoa contraria aos festexos taurinos. Con todo, explica, as pintadas son "para mí un acto vandálico, no un acto antitaurino".
A súa preocupación principal é agora que o seu coche, un Audi A4, poida recuperar a súa imaxe habitual. Por iso, nada máis estar coa Policía, dirixiuse directamente a un taller coa dúbida de non saber "cómo va a quedar", lamenta.