Non hai como ter unha parcela á beira do Gafos!
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) elevou a valoración dunha das leiras expropiadas no seu día para crear o parque dos Gafos. Xa ocorreu algo similar cunha leira de 6.156 metros cadrados que o xulgado determinou que fora 'usurpada' aos seus donos para crear este mesmo parque urbano á beira da canle fluvial, pero nesta ocasión a reclamación estivo cargada de menos polémica e supón o pago por parte do Concello de Pontevedra dunha cantidade substancialmente inferior.
Neste caso, o Xurado Provincial de Expropiacións valorou a leira expropiada en 493.360 euros, pero os propietarios mostraron a súa desconformidade e presentaron un recurso ante o TSXG para solicitar que se elevase esa valoración a 2.191.000 euros.
O Alto Tribunal galego admitiu a trápite o recurso, revisou a valoración e elevouna en 330.000 euros, de tal modo que finalmente o Concello deberá pagar en concepto de expropiacións 784.000 euros, segundo os datos facilitados polo portavoz do goberno local, Raimundo González.
Fontes municipais indicaron que se trata dunha leira situada nas proximidades da polémica parcela pola que finalmente o Concello tivo que pagar 5.294.847 euros e xa aparece incluída no actual parque dos Gafos, pois pasou a incluírse no momento no que se pagou a primeira expropiación.
No caso da leira 'usurpada', os propietarios pedían inicialmente 11.679.000 euros e o TSXG estipulou un prezo de menos da metade e o Concello tivo que pagar 5.294.847 euros, dos cales 3.278.616,44 euros son o valor real da parcela, uns 800.000 euros por unha multa por ocupación ilegal (un 25% do valor) e máis dun millón de euros de intereses. A nova sentenza que saíu á luz este luns non inclúe ningún tipo de multa por ocupación ilegal, senón que se trata dunha expropiación con autorización dos propietarios.