A celebración de 'peñas' desmárcase dos touros
Por Diego Espiño & Diego Torrado
As rúas do centro histórico enchéronse de mozos este sábado no primeiro día de celebración de 'peñas', a pesar de que non se trata dun día de festexos taurinos.
As camisetas de cores alagaron a paisaxe urbana desde primeira hora da tarde nunha xornada de moita calor que animou aínda máis aos mozos para saír á rúa.
Ataviados de pistolas de auga ou diferentes 'gadgets' moitos deles aproveitaron as altas temperaturas para lanzar sen pudor auga e tamén viño aos seus amigos.
As prazas da zona monumental, especialmente as zonas de Santa María e o Teucro, son as zonas máis concorridas de 'peñistas', despois de que o Concello decidise aplicar a excepción recollida na ordenanza 'antibotellón' ao considerar que as celebracións das peñas que non acoden á praza de touros convertéronse nunha festa asentada entre a mocidade e independente das touradas.
CRÍTICAS DA COORDINADORA DE PEÑAS TAURINAS
A través dun comunicado a Coordinadora de Peñas Taurinas de Pontevedra quixo desmarcase "de calquera acto ou celebración onde se permita e se fomente o consumo de alcol entre menores de idade".
"Queremos deixar claro, tanto ante a opinión pública, como ante o Concello, que unha peña taurina está integrada por persoas afeccionadas ás corridas de touros. Persoas que asisten en grupo á praza onde se celebran os respectivos festexos taurinos e cuxo obxectivo principal das súas actividades é promover, difundir e exaltar a tauromaquia", sinalan.
Ademais critican que o Concello autorice "un macrobotellón no que participan menores de idade" que "leva as consecuencias que xa coñecemos: toneladas de lixo e sucidade, pelexas ou comas etílicos".
Relacionadas:
-
As peñas volven ás rúas. Este sábado, con touradas
Por Diego Torrado |
-
O goberno local xustifica os botellóns da "festa de peñas" como un acto autoxestionado pola mocidade
Por Cristina Saiz & Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
18 asistencias por intoxicación etílica durante a primeira xornada de 'peñas'
Por Diego Espiño |
-
O Concello permitirá este sábado as celebracións de 'peñas' aínda que non haxa touradas
Por Marisa Ciordia & Natalia Puga |