Á espera de colgar o "non hai billetes" na primeira de feira taurina da Peregrina
Por Marisa Ciordia
Tres cuartos do aforamento da praza de touros de San Roque vendéronse a pouco máis de 24 horas para o primeiro festexo da feira da Peregrina. O cartel que a empresa Lozano deseñou para a apertura deste ano debería ser para colgar o rótulo de "non hai billetes". Circunstancia que de non producirse "sería unha desilusión" como ten manifestado o empresario Eduardo Lozano, cando deu a coñecer os carteis o pasado xullo.
O encerro do ferro de Alcurrucén, atópase nos currais desde onte venres. Oito touros, na súa maioría castaños, xunto a tres negros e un colorado. A gandería acumula dúas boas tempadas, brindando importantes triunfos ás primeiras figuras e conseguindo recoñecementos como foron os mellores touros dos dous últimos ciclos de San Isidro.
Morante de la Puebla, volve a Pontevedra nunha tempada de escasa presenza nos ruedos. Na pasada feira - cando tamén compartiu terna co Juli e touros de Alcurrucén -, marchou do coso de San Roque cunha orella, pero co recoñecemento do público. O triunfador desa tarde, que igualmente abriu feira, foi o destro madrileño, que saía aos ombreiros e pola porta grande, tras cortar catro apéndices. No que transcurríu de tempada, Julián López non acumula unha axenda intensa de carteis e nas dúas grandes - Sevilla e Madrid - concluíu con moita discrección.
E o debutante nesta praza, Roca Rey, está a liderar xunto a López Simón - que tamén se demonterará en Pontevedra a próxima semana-, o escalafón da tempada; tanto en número de festexos como de trofeos. O peruano, ten xenealoxía toureira e vén apoderado por outro apelido de casta, Campuzano. Tomou a alternativa como matador en setembro do ano pasado en Nimes, Francia. Xa na súa traxectoria como novillero, Andrés Roca Rey, apuntaba maneiras de figura. O presente desde logo está a darlle a razón, agardemos que o futuro non sexa efémero.