Convenio entre Sanxenxo e Meaño para resolver "definitivamente" o saneamento do polígono industrial
Por Redacción
O pleno municipal de Sanxenxo do próximo luns 18 de agosto votará, coa súa previsible aprobación, o convenio de colaboración entre o Concello e Meaño para a execución das obras de conexión da rede de augas residuais do SU 15, parque empresarial de Nantes, co colector de condución destas augas ao bombeo e EDAR dos Pasales, en Meaño.
O proxecto incluirá ademais a construción da senda fluvial na marxe do río Chanca, financiado todo con cargo ao aval incautado en xuño de 2011 e que no seu día foi depositado pola empresa urbanizadora en garantía das obras do polígono industrial.
O convenio que someterá ditame do pleno é resultado das reunións promovidas polo goberno local tanto coa alcaldesa de Meaño como cos servizos técnicos de ambos os municipios, para dar forma a un documento que resolva un problema, o do saneamento, enquistado durante anos e facelo "con plenas garantías legais".
Outro aspecto que regula o documento son as condicións técnicas nas que se realizarán os traballos así como a porcentaxe de financiamento dos traballos que corresponde a cada municipio e a solicitude dos permisos pertinentes.
FESTIVOS LOCAIS EN 2017
O próximo pleno municipal dará tamén o visto e prace á designación dos festivos locais para o ano 2017. Estes serán o 17 de abril, data da celebración da Romaría do Con, e o 4 de setembro, Santa Rosalía.