Capri Confiterías de Pontevedra SL afirma que non cambiará de marca nin pechará os seus establecementos
Por Marisa Ciordia
Capri Confiterías de Pontevedra SL, sociedade mercantil propietaria da marca "Capri", e logo dos establecementos situados en García Camba 4 e a praza de San José, vai seguir mantendo a denominación e grafía que aparece en senllos negocios; e deste xeito a actividade nos mesmos. Dita empresa emitiu un comunicado no que refire o rexistro de dita marca na Oficina Española de Patentes e Marcas e defende a traxectoria seguida nos últimos quince anos.
Pola súa banda, desde o negocio orixinario de García Camba 9, Confitería Capri Pontevedra, seguen reiterándose nos argumentos favorables a esta parte que se expoñen na resolución do recurso de alzada plantexado ante a Oficina Española de Patentes e Marcas. Isto é: "que o artigo 9.1 d) da Lei 17/2001 de Marcas, dispón que sen a debida autorización, non poderán rexistrarse como marcas, o nome comercial, denominación, ou razón social dunha persoa xurídica que antes da data de presentación ou prioridade da marca solicitada identifique no tráfico económico a unha persoa distinta do solicitante, si, por ser idéntica ou semellante a estes signos e por ser idéntico ou similar o seu ámbito de aplicación, existe un risco de confusión no público".
O certo é que remitíndose ao Organismo estatal, cada parte levaría a súa razón, ao resultar moi sutil a diferenciación e matices que pode haber nas marcas rexistradas. Constan 499 marcas que conteñan a denominación "Capri" utilizadas en múltiples actividades e servizos; das que 9 consisten únicamente en devandita palabra. Entre estas atópase a marca de Capri Confiterías de Pontevedra SL. Pola súa banda, só existe unha marca Confitería Capri Pontevedra, que corresponde á propietaria do negocio orixinario.
Solicitudes otorgadas
Segundo consta na Oficina de Patentes e Marcas, á confitería de García Camba 9 lle foi outorgada a solicitude en xaneiro de 2015 para os produtos ou actividades que solicitara: restauración (alimentación), servizos de cafetería, bar, restaurante, confitería, pastelería e servizos de abastecemento de comidas (catering). No caso dos negocios da sociedade Capri Confiterías de Pontevedra, en agosto de 2015 outórgaselle a marca, pero non para os dous epígrafes solicitados. Por un lado se denegaron os produtos ou actividades antes sinalados (polo menos coa marca Capri); e por outra concédense para: venda polo miúdo de produtos de panadería, venda a por menor de confitería, venda por xunto e por menor en comercios e a través de redes mundiais telemáticas de produtos alimenticios e bebidas, e abastecemento para terceiros de produtos alimenticio e bebidas.
En todo este contexto, segundo sinalan desde Capri Confiterías de Pontevedra SL, presentaron unha demanda contra unha das empregadas do negocio orixinario, ao considerar que realizou afirmacións perxudiciais contra os seus negocios e "que poden ser constitutivas de delito".