O PP lamenta a "irresponsabilidade" do tripartito pola súa "pasividade" coa seguridade cidadá
Por Redacción
Os últimos incidentes que se produciron ao redor da movida nocturna de Sanxenxo espertaron as críticas do Partido Popular que acusan o goberno tripartito de actuar con "pasividade" en materia de seguridade cidadá, unha conduta que cualifican como unha "irresponsabilidade" ante o gran número de veciños e turistas que hai estes días na vila.
A pesar destes "graves incidentes" que, segundo os populares, atentan contra a convivencia e a seguridade cidadá, o tripartito "preferiu minimizalo e deixar pasar o tempo".
O Partido Popular considera que este problema, de non ser atallado en serio, "pode ter graves consecuencias para a actividade turística de Sanxenxo". Así, ven que o botellón en núcleos como Sanxenxo e Portonovo está "fóra de control" e que os axentes da Policía Local están "desbordados".
Por iso, o PP levará ao pleno do próximo luns unha moción "que pode ser o punto de partida para empezar a cambiar a situación".
Entre outras cuestións, os populares reclaman que o alcalde se poña á fronte do dispositivo de seguridade ata final de tempada, que se corrixan as carencias no operativo ou que de fronte ao próximo verán o Concello elabore unha serie de ordenanzas que axuden a garantir o descanso e a convivencia e promover un lecer nocturno de calidade e ordenado.