Dous encapuchados asaltan de madrugada unha casa de Lérez e deixan ferida grave unha muller de 80 anos
Por Natalia Puga
A Policía Nacional de Pontevedra mantén aberta unha investigación para aclarar un violento asalto rexistrado na madrugada do venres ao sábado nunha vivenda da parroquia de Lérez. Dúas persoas coa cara tapada entraron presuntamente a roubar e golpearon de gravidade á única persoa que estaba na casa, unha muller de máis de 80 anos que permanece ingresada en estado moi grave no Hospital Montecelo.
Fontes policiais confirmaron a PontevedraViva que a propia vítima foi quen dió a voz de alarma á primeira hora do sábado, sobre as 7.00 horas da mañá. Chamou pedindo axuda e alertando de que a asaltaban e estaba ferida, de modo que se desprazaron ata a vivenda axentes da Policía Nacional e efectivos médicos de Urxencias Sanitarias de Galicia.
Os axentes policiais puideron ter un primeiro contacto con ela no que lles explicou que dúas persoas coa cara tapada habían entrado a roubar na súa casa e dábanlle unha malleira, pero xa non puido achegar máis detalles debido ao delicado estado de saúde que tiña. Inmediatamente, foi trasladada ao Hospital Montecelo nunha ambulancia e desde entón permanece ingresada, de modo que aínda non puideron tomarlle declaración para que achegue máis datos do ocorrido.
A muller vive soa na vivenda de Lérez na que foi asaltada. Non transcendeu como a agrediron os dous asaltantes, pero si a gravidade das feridas provocadas, con varias fracturas, entre elas, nas costelas. A muller atópase nun estado moi grave e a Policía Nacional está a esperar a ver a súa evolución antes de volver tentar tomarlle declaración.
Ata entón, tamén se prefire non desvelar demasiados detalles sobre a identidade da vítima. Sobre os seus asaltantes ata o momento están abertas todas as hipóteses e aínda non foron identificados.