Tres taxistas piden axudas para pasar a ter 'Eurotaxis' adaptados a persoas con mobilidade reducida
Por Redacción
As subvencións para facilitar a posta en marcha de taxis adaptados a persoas con mobilidade reducida, os coñecidos 'eurotaxi', convocadas polo Concello de Pontevedra teñen tres candidatos. Esta semana rematou o prazo para presentar solicitudes ás axudas e foron tres as contabilizadas no Rexistro Xeral.
O seguinte paso a dar será convocar unha mesa de adxudicación que se encargará de estudar as solicitudes, ver se cumpren os requisitos e resolver a convocatoria. Está previsto que sexa nas vindeiras semanas.
Segundo informa o Concello, o obxectivo da convocatoria é fomentar que os titulares das licenzas de taxi de Pontevedra adapten os seus vehículos para o transporte de persoas con mobilidade reducida, de xeito que se dea cumprimento á normativa de aplicación. Conceder axudas é a única maneira de que os taxistas poidan custear a adaptación dos seus vehículos, xa que se trata de sistemas moi custosos.
Podían optar a esta subvención os titulares dunha licenza de taxi que adquiran a propiedade dun vehículo novo adaptado ou adapten un vehículo que xa sexa da súa propiedade dende o 1 de xaneiro de 2014.
A subvención está suxeita a unha partida global de 10.000 euros e o importe máximo de cada subvención será de 5.000 euros. O concelleiro de Mobilidade, Luís Bará, mantivo nestes últimos meses reunións tanto co colectivo de taxistas así como con as entidades de persoas con mobilidade reducida para explicarlles as bases da convocatoria e introducir as melloras que eles consideraran precisas.