Por aclamación, Franco xa non preside a Deputación de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A corporación provincial de Pontevedra decidiu por aclamación retirar ao Xeneral Francisco Franco o título de presidente perpetuo da Deputación.
Foi durante o pleno ordinario celebrado este venres. Os deputados, postos en pé, ratificaron a retirada do nomeamento aplaudindo durante un minuto.
O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, (BNG) remarcou a importancia deste acordo que contribúe a recuperar a memoria histórica ao revogar ese nomeamento adoptado pola Deputación do 28 de agosto de 1952.
Ademais a proposta incluíu a anulación doutros cinco nomeamentos: o acordo do 8 de xullo de 1950 polo que se nomea fillo predilecto da provincia a Calvo Sotelo; o do 9 de xullo de 1951 polo que se nomea fillo adoptivo a José Solís Ruíz; o do 30 de xaneiro de 1960 que concede a Medalla de Ouro da provincia a José Solís Ruíz; o do 25 de febreiro de 1973 polo que se nomeou fillo adoptivo a Pedro Neto Antúnez; e o do 7 de marzo de 1973 polo que se concedeu a Medalla de Ouro á Sección Feminina da Falanxe e das Jons.
Xosé Leal aproveitou a ocasión para anunciar que, a finais de ano, o Pazo Provincial acollerá un Pleno Conmemorativo para "dignificar aínda máis ás vítimas do franquismo" e lembrar que nese edificio celebráronse xuízos sumarísimos como o que condenou á morte a Alexandre Bóveda e outros actos de represión, e que a sede administrativa da Deputación, tamén en Pontevedra, foi utilizada como cárcere durante a ditadura.
O deputado de Cultura mostrou a súa satisfacción ao reeditar a unanimidade coa que o Pleno aprobou en abril unha moción previa sobre recuperación de memoria histórica e agradeceu, ademais, a proposta realizada polo deputado de Marea Vigo, Xosé Lois Jácome, sobre este asunto, que propoñía a retirada da Medalla de Ouro á Sección Feminina.
Debido ás obras no Salón de Plenos a sesión desta mañá celebrouse na Sala de Xuntas, un espazo moi reducido que impide a presenza de público.
Relacionadas:
-
A escultura de Soledad Penalta xa substitúe ao Rei Emérito na Deputación
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Un sábado de reparación da memoria histórica na Deputación
Por Diego Espiño |
-
Marea pide cambiar o nome da rúa Javier Puig por su colaboración co réxime franquista
Por Redacción |
-
Franco segue a ser presidente perpetuo da Deputación de Pontevedra… pero será por pouco tempo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Instan á Deputación a retirar a Medalla da Provincia á Sección Feminina da Falange
Por Redacción |
-
Franco, sen honras en Pontevedra: aproban retirarlle a medalla de ouro da cidade
Por Alejandro Espiño |