Unha persoa ferida nunha colisión entre dúas motos de auga na praia de Areas
Por Redacción
Unha persoa resultou ferida ao mediodía deste xoves nun accidente moi estival na costa de Sanxenxo. Consistiu na colisión entre dúas motos de auga que circulaban a escasos metros da praia e resultou ferida unha persoa que ía nunha delas.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia, todo sucedeu minutos despois das 13.00 horas nas inmediacións da praia de Areas.
Un monitor das motos acuáticas rescatou á persoa ferida e trasladouna noutra moto ata a zona de Silgar. Dende alí, o ferido foi evacuado nunha ambulancia do 061 a un centro sanitario para recibir asistencia médica.
Os socorristas do areal alertaron da situación ao 112 e o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias mobilizou a Urxencias Médicas de Galicia 061, Salvamento Marítimo, o servizo de Gardacostas de Galicia, Emerxencias de Sanxenxo, a Policía Local e Protección Civil da localidade.