Máis de 100.000 euros da Xunta para ampliar, mellorar e manter camiños municipais de Moraña
Por Redacción
A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia destina máis de 100.000 euros a ampliar, mellorar ou manter varios camiños de titularidade municipal no concello de Moraña a través do Plan Marco de Camiños e o Plan de Emerxencias.
A conselleira, Ángeles Vázquez; o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois; e a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, visitaron este xoves diversas zonas nas que se levarán a cabo as obras. A responsable autonómica de Medio Rural destacou a importancia destas achegas para a mellora das infraestruturas municipais e, en especial, para beneficiar aos titulares de explotacións agrogandeiras.
Ángeles Vázquez tamén sinalou que estas achegas teñen o obxectivo de mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais. En concreto, os investimentos da Xunta serán 49.003 euros para a pavimentación do vial de Grixo e 59.988,55 euros para a reposición do firme en varios camiños do concello.
Os concellos galegos estanse a beneficiar este ano dunha achega total de preto de 20 millóns de euros para ampliar, mellorar ou manter os camiños de titularidade municipal que faciliten o acceso, cando menos, a unha parcela integrante dunha explotación agraria.