Sanxenxo limita un 60% o aforamento da Praza do Mar para garantir a seguridade na gala solidaria de Panorama
Por Redacción
Durante as últimas semanas as concellerías de Cultura e Seguridade mantiveron varias reunións para coordinar un operativo especial para a noite do sábado día 30 de xullo, con motivo da celebración en Sanxenxo da Gala Solidaria a favor do Parkinson. Nestas reunións participaron representantes da Garda Civil, da Policía Local, do Servizo Municipal de Emerxencias, da empresa de seguridade privada en Nauta e da propia seguridade do evento, que foi quen presentou un Plan de Seguridade que foi matizado polo Concello.
Entre as medidas que se adoptarán, e que este xoves adiantou a edil de Seguridade, Vanessa Rodríguez Búa, está a instalación, nas dependencias de Nauta, dun Posto de Mando Avanzado. É dicir, unha mesa de coordinación da seguridade na que estarán representados todos os organismos que participan neste dispositivo de seguridade e que estará coordinado directamente por persoal de Emerxencias de Sanxenxo.
Desde este posto terase acceso directo ás cámaras instaladas en todo o recinto portuario, para ter control sobre cada esquina da contorna e poder garantir así a seguridade e previr calquera incidencia que se poida producir.
A partir das 5 da tarde do sábado non se poderá acceder ao recinto portuario de Sanxenxo, e no momento no que ou parking de Nauta estea cheo cortarase o tráfico desde a confluencia da Avenida de Madrid co Paseo de Silgar ata o porto.
A partir das 5 da tarde do sábado non se poderá acceder ao recinto portuario de Sanxenxo
Na Praza do Mar haberá un director de seguridade, da empresa organizadora do evento, así como 15 vixiantes e 25 controladores de acceso. O dispositivo estará integrado ademais por 20 voluntarios de Protección Civil, varias patrullas da Policía Local e da Garda Civil, dúas ambulancias e un hospital de campaña.
Na rolda de prensa celebrada esta mañá, e na que estiveron o alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita; o director da Fundación Curemos o Párkinson, Óscar Faraldo; o produtor de Xira Panorama, Luís Parada e a concelleira de Benestar e Cultura, Sandra Fernández Agraso, fíxose tamén un chamamento a que os asistentes utilicen os aparcadoiros disuasorios, que estarán debidamente sinalizados. Estarán situados diante dos supermercados Lidl, Día, Carrefour e da discoteca Zoo, establecementos a quen o Concello agradece publicamente a súa colaboración, así como na chaira situada detrás do Novo Templo.
Pediron aos asistentes que eviten achegarse en coche ao casco urbán de Sanxenxo
"As distancias dende estas zonas disuasorias ata a Praza do Mar son mínimas polo que pedimos aos asistentes que eviten achegarse en coche ao casco urbán de Sanxenxo", apuntou Sandra Fernández Agraso.
Pola súa banda, Gonzalo Pita, mostrou a súa satisfacción polo notable incremento de venda de entradas rexistrado nos últimos días o que supón o "respaldo solidario que tanto os nosos veciños como os miles de visitantes que estes días se encontran aquí amosan con esta causa, xa que non hai que esquecer que a recaudación deste concerto será destinada á Fundación Curemos o Parkinson"
O alcalde convidou a veciños e visitantes, a gozar en Sanxenxo do espectáculo que ofrecerán artistas da talla de Luís Fonsi, Edurne, Morat ou Gemeliers, "que ademáis farán as probas de son antes do concerto, ao aire libre, facilitando que as súas fans poidan velos de cerca e sen a posta en escea do espectáculo en si".
Gonzalo Pita fixo un chamamento á responsabilidade do público para que "todos poidamos disfrutar deste evento familiar con tranquilidade". Neste sentido destacou o dato de que o aforamento da Praza do Mar limitouse nun 60%, "precisamente para primar a seguridade e a tranquilidade frente á masificación previsible para un evento destas características"
Destacou tamén que a Gala está a contribuír dunha forma destacada a que "os hoteis do municipio volvan a rexistrar este fin de semana un nivel de ocupación alto, algo que, por outra parte, está a ser unha constante neste mes de xullo". E concluíu insistindo en que esta Gala Solidaria "vai ser un fantástico momento para disfrutar dun concerto único que ademáis nos dará a oportunidade de contribuir á construcción dunha sociedade máis solidaria e máis xusta" e agradeceu especialmente a colaboración das 40 empresas de Sanxenxo e a contorna que están a colaborar para facela posible.
Relacionadas:
-
O Sanxenxo máis solidario #SonriePorElParkinson
Por Redacción & Diego Torrado | Creada e actualizada