Cotobade acolle máis de 250 rapaces en distintos campamentos e ludotecas
Por Redacción
O goberno local de Cotobade quere converter a celebración de campamentos e ludotecas como actividades que promovan a conciliación familiar e o turismo activo. Así o quixo sinalar o seu alcalde, que está visitando todas as actividades que se están a desenrolar no municipio.
Tras a visita feita á primeira quenda do Campalledo 2016, esta semana remataba a segunda quenda, polo que o alcalde, Jorge Cubela, acompañado da concelleira María Pichel, quixeron despedirse deste grupo, no que moitos dos casos xa foron participantes en anos anteriores.
Así, o Campalledo 2016 pechou a quinta edición con 60 participantes, organizadas en dúas quendas. Para optar a un posto como participante houbo que agardar ata a celebración dun sorteo, como regla a normativa, para facer efectiva a incorporación ao campamento.
As pernoctas foron no colexio de Carballedo, que colabora cada ano cun grande esforzo. Tamén o Concello obtivo a colaboración da Brilat, que cedeu unha vintena de liteiras para a celebración destes campamentos, algo que se introduciu este ano.
LUDOTECAS DE ATALAIA
O Concello de Cotobade, pola súa banda, firmou un convenio de colaboración co Centro de Turismo Activo de Atalaia (Viascón) para cofinanciar as actividades da ludoteca deste centro nos meses de xullo e agosto.
Os nenos, en turnos dunha semana, están ocupando de luns a venres en horario de 9 a 14, con moitas actividades orientadas á aventura, ó deporte, eco-granxa, kayak, tiro con arco, coidado de animais, xincana, e roteiros.
"Dispoñemos dunhas magníficas instalacións de aventura en Cotobade sen a necesidade de ter que desprazarnos a Pontevedra ou a outros puntos", sinalou Cubela.
Como colofón a este verán, Cotobade agarda a chegada dos participantes do Campo Internacional de Traballo, que acolle a Cotobade como o seu centro na provincia de Pontevedra, xunto a Vilanova de Arousa e ás Illas Cíes.