Un aparatoso accidente deixa un ferido en Cuntis e obriga a cortar máis de catro horas a N-640
Por Redacción
Un aparatoso accidente de circulación entre un turismo e un camión saldouse este mércores cunha persoa ferida e un corte ao tráfico da estrada N-640 entre os concellos de Cuntis e A Estrada durante máis de catro horas.
O sinistro produciuse sobre as 12.40 horas deste mércores á altura do quilómetro 208, preto do Alto da Cruz, en Cuntis, e obrigou ao peche da estrada ata despois das 17.00 horas, isto é, máis de catro horas, segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112.
O accidente consistiu na colisión entre un camión da empresa madeireira Finsa e un turismo particular, cuxo condutor resultou ferido e precisou asistencia sanitaria.
Unha persoa particular informaba do accidente ao 112 Galicia e, dende a central foron alertados Urxencias Médicas de Galicia, os Bombeiros do Salnés, o GES da Estrada, Protección Civil de Cuntis e á Garda Civil de Tráfico.
O camión implicado quedou obstruíndo a circulación e verteu aceite á calzada, de modo que foi necesario que os efectivos mobilizados traballaran durante horas para recuperar a normalidade na vía. O operativo rematou minutos despois das 17:00 horas desta tarde, momento no que a estrada reabriu á circulación.