A Lama reclamará á Deputación que modifique os criterios para actuar nas vías de titularidade provincial
Por Redacción
A corporación municipal da Lama decidiu, cos votos do PPdeG e Cidadáns, reclamar á Deputación de Pontevedra a modificación dos criterios fixados por este organismo para actuar nas vías de titularidade provincial por considerar que a súa aplicación prexudica os intereses dos pequenos municipios rurais como A Lama.
María Jesús Rodríguez Freire asistiu ao Pleno como nova secretaria-interventora do Concello en substitución do recentemente xubilado Gonzalo Porto Becerra.
O alcalde, Jorge Canda Martínez, argumentou a súa proposta ao Pleno manifestando que o baremo aprobado pola Deputación en xaneiro deste ano contempla como un dos criterios para a intervención do ente provincial o feito de que usen as vías obxecto de actuación un mínimo de 3.000 vehículos. Tamén asegura o rexedor que a Deputación prevé que para devanditos arranxos os concellos teñan que asumir entre o 30 e o 40% do investimento e que se favoreza o traspaso da vía de titularidade provincial a municipal.
Segundo Jorge Canda estas premisas prexudican gravemente os intereses da Lama "primeiro porque ningunha das nosas estradas, nin provinciais, nin autonómicas ou municipais rexistran un tráfico de 3.000 vehículos diarios, polo que é inaplicable; despois porque si tiveramos que facernos cargo dunha estrada como a que vai da Lama ata a Barcia, polo Verdugo, e ter que pagar o 30 ou o 40% do custe sería inviable para un concello como o noso. Levaríase todo o noso orzamento. E despois, si nos obrigan a asumir os viais provinciais polo Concello… Paréceme imposible posto que para manter en boas condicións os viais municipais xa nos costa moitísimo para canto máis si nos transfiren os da Deputación".
Pola súa banda o portavoz do PSdeG-PSOE, Enrique Vaqueiro, quen aclarou que este asunto incumbía aos representantes do BNG no goberno da Deputación, dixo que falou co deputado delegado quen lle manifestou que os criterios xa existían en etapas anteriores e que o que se fixo é adaptalos ante a maior transferencia de recursos aos concellos para que puidesen ser administrados directamente por eles o cal esixía tamén unha maior participación nestas intervencións.
Sobre este punto estableceuse unha discusión entre o alcalde, Jorge Canda, e o portavoz socialista sobre se a nova Deputación achegaba máis recursos ao Concello que a presidida por Louzán. Ante a disparidade de criterios, cunha diferenza aproximada duns 100.000 euros entre o que manifestou Vaqueiro que a Deputación outorgaba ao Concello da Lama a maiores con respecto ao que investira a administración anterior do PP e os case 2.500 euros menos que sostiña o alcalde, acordouse solicitar da nova secretaria-interventora un certificado aclaratorio neste sentido.
Pola súa banda, o concelleiro de Cidadáns, Andrés Cal Malleiro, manifestou o seu apoio á moción por considerar que "eu apoiarei todo aquelo que sexa bo para os veciños e veciñas da Lama independentemente de quen o propoña. Nós estamos nos concellos para defender os intereses dos cidadáns e non dos políticos. Neste tema paréceme unha inxustiza que os concellos pequenos saian perxudicados polo que apoiaremos a moción".
No Pleno tamén se aprobou, co voto en contra do PSdeG-PSOE a conta xeral dos orzamentos do 2015 e deuse conta de varios decretos da Alcaldía.
No capítulo de rogos e preguntas o concelleiro de Cidadáns, Andrés Cal, preguntou pola posibilidade de realizar melloras na estrada de Sucastro, interesouse polo desexo dunha empresa de solicitar unha das antigas casas de mestres para ampliar a súa oferta comercial e preguntou polo seguimento do acordo plenario de conceder e rotular unha rúa co nome do párroco Don Miguel falecido hai uns meses. O alcalde respondeulle que a súa intención é que no mes de agosto instálese un monólito cunha placa alusiva á súa persoa na rúa do pavillón, que pasará a recibir o seu nome.
Pola súa banda o portavoz socialista, Enrique Vaqueiro, solicitou ao alcalde copia do escrito remitido polo Concello ao Catastro en relación ao conflito sobre a errónea escrituración do Casino dous Prados a nome da Igrexa e tamén reclamaron unha pronta solución ao material acumulado nas inmediacións do parque infantil de Seixido. O alcalde confirmoulle que llo faría chegar e en canto á provisión de material en Seixido informoulle de que se utilizaría de inmediato como recheo para acometer uns traballos na zona solicitados polos veciños.