Dous días de corte de tráfico na PO-224, entre Pontevedra e Barro
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda pechará dende este xoves ata o venres o tráfico nun treito da estrada PO-224 comprendido entre os puntos quilométricos 3+200 e 7+480, ao seu paso polo Concello de Pontevedra, para executar obras de rehabilitación do firme.
As actuacións de mellora levaranse a cabo entre os puntos quilométricos 0 e 10+900 da citada vía, ao seu paso polos concellos de Pontevedra e Barro, efectuando unha rehabilitación localizada do firme, mediante fresado e reposición dos tramos deteriorados.
Para solucionar o corte previsto, establecerase un desvío na PO-224, entre os puntos quilométricos 2+700 e 7+700, mañá dende as 7.30 ata as 22 horas, abríndose ao tráfico pola noite; e o venres, dende as 7.30 ata as 13 horas.
O tráfico procedente da estrada N-550 desviarase no punto quilométrico 7+700, á altura do embalse do Pontillón pola estrada provincial ata a intersección coa PO-223, que une Pontevedra e Campo Lameiro, a través da cal se volve conectar coa PO-224.
Estes traballos forman parte dun contrato máis amplo que tamén inclúe actuacións de reforzo de firme nas estradas PO-504, no Concello de Sanxenxo, e PO-550, nos municipios de Cambados, Meaño e Sanxenxo, que xa se executaron. O goberno galego financia estas obras mediante a achega dun orzamento de preto de 500.000 euros.