Unha parella ferida en Poio ao saírse coa furgoneta da vía e caer por un terraplén
Por Redacción
Os servizos sanitarios de urxencia informaban este mércores pola mañá ao 112 Galicia, minutos antes das 10:00 horas, dunha furgoneta accidentada na parroquia de Combarro.
Concretamente, foi na estrada PO-308, ao pasar o lugar da Seca, no Concello de Poio.
A consecuencia do sinistro dúas persoas resultaron feridas, R.C.R., unha muller de 62 anos que foi trasladada en ambulancia medicalizada ao Hospital Montecelo, e M.P.C. un home de 73 anos, que foi atendido no lugar polos servizos sanitarios ao non revestir gravidade as súas feridas.
Ata o lugar desprazáronse efectivos de Emerxencias de Sanxenxo, os bombeiros e o 061.
Indicaron que o vehículo tras saírse da vía caeu por un terraplén pero estaba accesible e non había persoas atrapadas.
Nada máis recibir a chamada de alerta, solicitouse a intervención da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, así como a dos efectivos do GES de Sanxenxo e de Protección Civil de Poio.