Ponte Caldelas acorda solicitar á Xunta a apertura da Casa da Quintán como centro de maiores
Por Redacción
Total acordo no Concello de Ponte Caldelas para solicitar da Xunta de Galicia a apertura da Casa da Quintán como centro dedía para maiores. A iniciativa xurdida do goberno local tripartito composto polo PSdeG-PSOE, AVP e BNG, acadou o apoio do grupo municipal do Partido Popular tras unhas modificacións na redacción do texto para eliminar as referencias ao xerente do Consorcio Galego da Igualdade e do Benestar, Perfecto Rodríguez, quen é substituído no texto final polo conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela.
O alcalde, Andrés Díaz, afirmou que o realmente importante é que a Casa da Quintán, un chalé indiano cedido á Xunta e restaurado en 2009 coa intención de convertelo en centro de apoio a persoas con discapacidades psíquicas, abra as súas portas. Diante das dificultades para poñela en marcha con este fin, o goberno local propuxo a súa conversión nun centro de día para persoas maiores, idea que vai cobrando forza.
A intención é que a casa abra para un fin social, porque aí se investiron 407.803 euros de cartos públicos e leva seis anos pechada.
Esta moción xa foi retirada da orde do día do último Pleno porque o goberno local quixo traballar a fondo na busca dun consenso que considera necesario para poñer en funcionamento o centro de día.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, lembrou que "aquí hai que superar as diferenzas políticas porque a Xunta de Galicia só investiu 33.000 euros en Ponte Caldelas e queremos axudar ao PP a entender que iso é unha discriminación inadmisible e unha falta de calidade democrática escandalosa".
A resolución municipal pide, por tanto, a apertura da Casa da Quintán como centro de día para dar servizo aos maiores de Ponte Caldelas, A Lama e Cotobade. Sen prexuízo disto, o Concello expresa a súa disposición para aceptar calquera outro fin relacionado cos servizos sociais.