Cinco detidos en Vilagarcía nunha operación antidroga
Por Redacción
Efectivos do Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga (EDOA) da Garda Civil e dos Grupos de Resposta Especial para o Crime Organizado, tamén chamados GRECO, da Policía Nacional despregaron este martes en Vilagarcía un operativo conxunto contra o tráfico de drogas no que foron detidas cinco persoas.
Segundo informaron fontes da investigación, dúas persoas foron detidas no barrio de O Piñeiriño, outras dúas na contorna da estación de autobuses e unha máis no bar Don Piano, un local da súa propiedade situado na zona do Ramal.
Máis dunha decena de axentes, acompañados de cans adestrados, rexistraron as vivendas e o local dos detidos e requisaron diversas bolsas.
A actuación desenvolvida este martes é unha continuación do operativo despregado hai unha semana na costa de Cartaxena no que se interveu unha embarcación que transportaba 8.000 quilos de haxix, con catro detidos.
Ademais do de Vilagarcía practicáronse rexistros en Catoira, así como en Madrid, Albacete e Almería.