Sancionan con 200 euros un condutor de autobús por ter activo o seu Pokémon Go mentres conducía
Por Natalia Puga
A Garda Civil de Tráfico de Pontevedra impuxo unha sanción de 200 euros a un mozo veciño de Vilagarcía por ter activo o xogo para móbiles Pokémon Go mentres conducía un autobús entre Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.
A sanción chega despois dunha polémica xurdida nas redes sociais na que Tráfico actuou de oficio, pois ninguén formalizou ningunha denuncia oficial polo ocorrido. Tras realizar as correspondentes investigacións, o O Grupo de Investigación e Análise (G.I.A.T), do Sector de Tráfico da Garda Civil pontevedresa decidiu sancionar ao condutor.
Unha pontevedresa denunciou a través da súa páxina de Facebook que presenciou como o condutor do autobús Pontevedra-Vilagarcía xogaba a Pokémon Go durante o traxecto e publicou imaxes nas que se vía ao mozo conducindo e á beira o teléfono móbil coa aplicación activa situado nun soporte pegado no espello, coñecido como berce. En ningunha das fotografías víase ao condutor xogando, senón que o móbil víase en todas as imaxes colocado no soporte -similar ao dos GPS-, pero a moza aseguraba no seu perfil de Facebook que si vira como xogaba e cazaba pokémon.
Tras ter constancia desta denuncia vía Facebook, os axentes do GIAT abriron a súa investigación e na tarde deste martes terminárona concluíndo que non hai evidencias de que o condutor cometese ningún delito, pero si unha infracción que debe levar unha sanción administrativa.
A suposta infracción leva unha sanción de 200 euros e a retirada de tres puntos do carné de conducir por incumprir o Regulamento Xeral de Circulación, pero non leva que o caso sexa derivado a ningún xulgado. Os axentes chegaron a esta conclusión tras comprobar que o condutor, un mozo de 35 anos, non puxo en perigo nin aos pasaxeiros que ían no seu autobús nin aos condutores e pasaxeiros doutros vehículos ou peóns cos que se cruzou no seu traxecto.
Así, non hai constancia de que o mozo realizase unha condución temeraria ou perigosa no traxecto cuestionado, aínda que leva o xogo de Pokémon Go aberto ou activo, iso non implicou que descoidase a súa condución. Si hai constancia de que xogou antes de empezar a conducir o autobús e durante o traxecto puido telo activo, pero non por iso tivo que estar xogando nese tempo.
A pontevedresa que na tarde do sábado publicou as fotos do condutor insistiu ao longo da fin de semana en que si presenciou como o condutor xogaba, asegurando "creo que no era el momento adecuado para que estuvieras pendiente de él, recuerda que llevas personas a tu cargo".. Con todo, este martes as fotos foran borradas do seu perfil e publicou unha nova actualización de estado pedindo "mil disculpas por todo lo que está pasando" e dando por pechada a polémica.