A zona de lecer de Sanxenxo, 'invadida' por 15.000 persoas durante a ponte de Santiago
Por Redacción
As Forzas de Seguridade con competencias no Concello de Sanxenxo, isto é, Policía Local e Garda Civil, calculan que durante a pasada fin de semana, o da ponte do Día de Santiago, estiveron na zona de lecer nocturno de Sanxenxo ao redor de 15.000 persoas.
Os cálculos refírense ás noites do sábado ao domingo e do domingo ao luns e ás persoas que se deron cita no centro urbano de Sanxenxo e a zona de lecer do porto deportivo Juan Carlos I.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Vanessa Rodríguez Búa, fixo públicos estes datos este martes tras a reunión de análise da fin de semana que mantivo con responsables da Policía Local e o alférez da Garda Civil de Sanxenxo. O encontro tamén serviu para coordinar o dispositivo de seguridade que se poñerá en marcha a próxima fin de semana con motivo da celebración da Gala Solidaria a favor do Parkinson.
Segundo indicou o Concello a través dun comunicado, o mes de xullo está a resultar especialmente positivo no que a afluencia de visitantes se refire, sendo esta ponte festiva o de maior confluencia de turismo no municipio.
Tendo en conta que as previsións de bo tempo continúan, Vanessa Rodríguez Búa reiterará esta semana á Subdelegación do Goberno a necesidade de que reforce con máis efectivos o cuartel da Garda Civil de Sanxenxo.
En relación coa ponte do Día de Santiago, a concelleira asegurou que foi a fin de semana de maior afluencia ao municipio deste verán tanto de persoas que acudiron ás praias durante ou día como de clientes dos locais de lecer pola noite, en especial en Sanxenxo e Portonovo.
O dispositivo especial de seguridade despregado durante toda a ponte cerrouse con tres denuncias a negocios situados no porto deportivo por incumprir a hora de cesamento de actividade, levando ademais que os policías requirisen o peche nun dos casos. A atención sanitaria a mozas en coma etílico ou en estado de embriaguez, requirindo a presenza da ambulancia na zona, é outra das actuacións que centrou a atención dos axentes da Policía Local durante a fin de semana.