A Xunta establece a veda para o choco na ría de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes dúas resolucións da Consellería do Mar polas que se establecen vedas para a pesca do choco nas rías de Vigo e Pontevedra. Deste xeito, queda prohibida a captura, tenza a bordo, transbordo, comercialización ou venda desta especie con calquera das artes incluídas no referido decreto 15/2011.
Esta veda inclúe tamén a pesca marítima de recreo, de acordo co establecido pola normativa vixente.
Na ría de Pontevedra, a veda está vixente dende o 12 de xullo e ata o 31 de outubro e establécese dentro da liña que vai dende Punta da Moa ata Punta das Sinas.
Estas zonas das rías correspóndense co anexo III establecido no decreto polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.
A medida responde á solicitude entregada pola Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, promovida polos pósitos da ría de Vigo e da ría de Pontevedra.
Deste xeito, perséguese o "establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación e a explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos", obxectivo marcado pola Lei de Pesca de Galicia.