A Lama destinará 83.000 euros a melloras en infraestruturas e accesos a núcleos rurais
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra, a través de dúas resolucións presidenciais, vén de aprobar dúas novas achegas do Plan Concellos ao municipio da Lama.
Por unha banda, 51.104,63 euros serán para a mellora de infraestruturas municipais na Lama, en Gaxate e en Xesta, e pola outra 32.115,38 euros destinaranse para a mellora de acceso aos núcleos rurais de Barcia, Seixido e A Lama.
Con estes 83.000 euros máis, a institución provincial leva investidos 427.864,39 euros no marco deste plan, o que supón o 93% do total destinado ao municipio.
Esta contía vén sumarse a outras xa aprobadas ao abeiro deste plan, por un importe global de 180.000 euros para o ensanche e mellora de pavimentos e drenaxes en Barcia de Seixo, a reforma do parque infantil en Verducido, a dotación da iluminación pública no polígono industrial e os muros de sostemento e pavimentación no Camiño das Chozas.
Ademais, 17.000 euros foron para actividades da Semana Cultural 2016, 60.000 euros para amortización de débedas e outros 88.000 euros para a contratación de 14 traballadores nos servizos municipais.