Esixen ao Porto que tome medidas ante as insalubres condicións das descargas a granel
Por Redacción
O BNG de Marín fíxose eco da preocupación que está a espertar na vila as condicións nas que se están a facer as descargas a granel no peirao comercial da antiga terminal de colectores do porto de Marín. Aseguran que se están a facer sen ningún tipo de medida correctora ambiental que evite a emisión de contaminantes atmosféricos a apenas 500 metros do casco urbano.
En concreto, nesta última semana descargáronse miles de toneladas de millo a granel por medio dun guindastre de culler, o cal deposita o material directamente no chan do peirao. De aí, segundo os nacionalistas, moveuse a camións.
Esta operación xerou unha importante emisión de po e partículas en suspensión que afectan á calidade do aire e que se depositan sobre as superficies. Así, o BNG denuncia que a cidadanía puido aprecialo porque unha fina capa de po branco acabou por cubrir coches, terrazas, domicilios "e, o peor, os pulmóns de todos nós".
A emisión de partículas alerxénicas procedentes de este tipo de descargas poden xerar, recordan desde o BNG, problemas respiratorios en grupos de risco da poboación, e os niveis elevados de po e partículas poden ter efectos prexudiciais na calidade de vida da cidadanía de Marín.
A Autoridade Portuaria é a responsable do cumprimento das recomendacións e normativa neste tipo de actividade, así como da vixilancia de que os concesionarios portuarios cumpran coa concesión outorgada. E segundo os nacionalistas, o actual concesionario da explanada solicitou autorización para almacenar colectores baleiros ou para reparalos, compactalos e baleiralos, pero "non para a descarga de graneis".
En abril deste ano, o concesionario iniciou os trámites do chamado "Proyecto Constructivo para la reforma de contenedores del Puerto de Marín", que foi rexistrado no Concello no mes de xuño. Neste momento os trámites non están finalizados e a solicitude non comprende licenza para a actividade que se está a realizar.
O Plan de Especial do Porto cataloga a fachada urbana como unha zona sensible para calquera tipo de actividade portuaria, polo que "os concesionarios e a Autoridade Portuaria teñen que tomar as medidas oportunas para evitar molestias e problemas de saúde aos veciños das rúas máis próximas", sinala a portavoz nacionalista, Pilar Blanco.
Portos do Estado establece que este tipo de descargas teñen que realizarse lonxe da poboación e coas medidas ambientais necesarias para evitar a contaminación do aire "e iso é o que reclamamos dende o BNG, que se cumpra coas medidas establecidas para protexer á poboación e ao medio dos efectos contaminantes e perniciosos".
O BNG avanza que porá en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente da Xunta este episodio co obxectivo de que se tomen as medidas oportunas porque din defender toda actividade que dentro do Porto xere traballo e riqueza, "mais sempre baixo o cumprimento das normas, sobre todo aquelas que están destinadas a protexer a poboación". Non todo vale, aseguran, "coa escusa de máis actividade".