Xullo despídese cunha semana enteira por riba dos 30 graos
Por Redacción
Unha semana por encima dos 30 graos de temperatura. É o que nos depararán os últimos días de xullo nas Rías Baixas. A onda de calor que estamos a atravesar actualmente manterase, segundo os prognósticos de Meteogalicia, polo menos ata a primeira semana de agosto.
Os 33 graos de máxima que Pontevedra alcanzou este luns 25 de xullo repetiranse ao longo das próximas xornadas. O tempo será pois seco e asollado en todas as Rías Baixas.
Así, a previsión apunta a que as temperaturas continuarán sen cambios ou con lixeiros ascensos nas mínimas e descensos nas máximas.
En Pontevedra estaremos por encima dos 30 graos ata o vindeiro luns 1 de agosto, segundo o organismo de predición meteorolóxica dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
Iso si, en zonas do interior espéranse bancos de néboa matinais que se irán despexando co paso das horas.
Os ventos soprarán do nordeste nos próximos días, moderados en xeral, aínda que con intervalos fortes en todo o litoral atlántico.
Con estas temperaturas non é de estrañar que as praias das Rías Baixas estivesen cheas durante toda esta ponte festiva, unha estampa que se repetiu por toda a provincia e que axudou a que as previsións de ocupación hoteleira fosen mellor do previsto, rozando o cheo en numerosas localidades.