Falece un motorista en Meis e deteñen o que chocou contra el co seu coche tras dar positivo en drogas
Por Redacción
Un home de 48 anos, veciño de Vilagarcía, foi detido pola Garda Civil tras protagonizar un accidente de tráfico no que perdeu a vida un motorista de 55 anos. Deu positivo por drogas no control que pasou tras o sinistro.
Segundo informou o 112 Galicia, o accidente produciuse sobre as once da noite do sábado na PO-531, a estrada que une Pontevedra e Vilagarcía, ao seu paso por Vilanoviña (Meis).
O condutor do coche atopábase dando marcha atrás na entrada dunha vivenda da zona cando chocou contra o motorista. O impacto foi de tal calibre que tanto a vítima como a moto saíron despedidas ata o peche da casa e quedaron baixo unha parra.
Os servizos de emerxencia, entre eles os médicos do 061, non puideron facer nada pola súa vida e tan só puideron certificar o seu falecemento.
A persoa que viaxaba de acompañante no coche tamén foi trasladada a un centro sanitario.
Tras o accidente, os axentes da Garda Civil realizaron un control ao condutor do coche que deu positivo en consumo de drogas, polo que foi detido ao instante como presunto autor dun delito de homicidio imprudente.
Ao lugar dos feitos trasladáronse tamén Bombeiros de Vilagarcía e efectivos de Protección Civil, para axudar nas tarefas de asistencia no accidente.