Nace Radio Nova, a radio municipal da Lama
Por Redacción
Unha emisora situada na planta superior da biblioteca e que empezará esta semana as súas emisións en probas, no 107.2 da FM, para a comarca de Verdugo-Oitavén con especial atención aos concellos da Lama, Ponte Caldelas, Fornelos de Montes e Cotobade. Así é a radio municipal que poñerá en marcha o Concello da Lama.
O inicio desta emisora coincide coa celebración da Semana Cultural do Concello da Lama e tamén contará en breve cunha emisión a través de internet coa fin de que poida ser escoitada en calquera parte do mundo a través de ordenadores, tablets ou smartphones.
O alcalde Jorge Canda interesouse polos aspectos técnicos da emisora así como a programación que vai ir poñendo en antena nos próximos días.
O rexedor insistiu na vocación de servizo da radio que "estará aberta a todo o mundo que teña algo que comunicar e que dicir de interese xeral para os cidadáns tanto da Lama como dos demais concellos limítrofes cos que compartimos moitas cousas, agora tamén a programación desta Radio Nova".
Tamén visitou os estudos da emisora o concelleiro de Cidadáns, Andrés Cal Malleiro, quen aplaudiu a iniciativa e apostou por promocionar a través deste medio a imaxe do municipio da Lama e dos demais que compoñen a comarca do Verdugo-Oitavén xa que "os concellos do interior da provincia teñen moitas potencialidades que hai que dar a coñecer e impulsar".
Radio Nova, que nace con vocación de servizo á cidadanía, terá un carácter eminentemente local e comarcal cunha emisión de 24 horas na que destaca a programación dedicada á actualidade e ao entretemento dos habitantes destes catro municipios do interior da provincia de Pontevedra.
Dispoñerá na súa fase inicial dun magazine matinal, boletíns infomativos e un programa deportivo que terá como eixo fundamental a promoción da práctica deportiva nos municipios da Lama, Ponte Caldelas, Fornelos de Montes e Cotobade, así mesmo, ademais dunha atención directa da actualidade deportiva dos clubs da zona.
Para a posta en marcha da emisora celebraranse, nos catro municipios do Verdugo-Oitavén, diversas reunións informativas abertas á cidadanía e especialmente ás asociacións e colectivos veciñais e sociais co fin de que poidan propoñer iniciativas ou mesmo realizar parte da programación, xa que a emisora promocionará o voluntariado dedicado a desenvolver proxectos relacionados co mundo da comunicación e que teñan como protagonistas aos propios oíntes a quen vai dirixida esta emisora.
Radio Nova estará presente nas redes sociais, e dispón do teléfono 633 655 233 e o correo electrónico radionova@radionova.gal co que pretende dar participación directa á cidadanía sobre a súa programación e a actualidade que se vaia xerando en cada momento en todos e cada uns dos catro concellos sobre os que terá especial incidencia esta emisora.