Novo intento na busca da unanimidade para converter a Casa da Quintán en centro de día
Por Redacción
A apertura da Casa da Quintán como centro de día só é cuestión de "vontade política" segundo o goberno municipal. Por iso, o Concello non está disposto a que este chalé indiano, reformado pola Xunta de Galicia en 2009 para usos sociais, se bote a perder.
Despois de retirar unha moción durante o último Pleno municipal co ánimo de acadar o consenso político no Concello, o goberno volverá levar este asunto á sesión plenaria de finais deste mes co obxectivo de acadar o voto favorable das tres forzas do tripartito -PSdeG-PSOE, AVP e BNG- e da oposición do PP.
A nova moción, entregada estes días ao grupo popular, é practicamente idéntica á anterior e, segundo explica o alcalde, Andrés Díaz, está redactada para superar todas as diferenzas de formas e ir ao fondo do asunto, con independencia de que as obras as fixera a Xunta de Galicia bipartita e que a actual teña un signo político distinto. "O que importa é o presente", recalca o alcalde.
"Queremos que a Casa da Quintán abra canto antes e que os veciños de toda a bisbarra reciban un servizo do que carecen", engade o rexedor.
A moción lembra que o xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, está a anunciar a apertura inminente de centros de día para maiores por toda Galicia. En apenas un par de semanas publicitounos en Redondela, Curtis, Maceda e Pobra do Caramiñal, polo que Ponte Caldelas, onde as obras están feitas, "non pode ser menos".
A resolución municipal pide, por tanto, a apertura da Casa da Quintán como centro de día para dar servizo aos maiores de Ponte Caldelas, A Lama e Cotobade. Sen prexuízo disto, o Concello expresa ao Consorcio Galego a súa disposición para aceptar calquera outro fin relacionado cos servizos sociais.
A Casa da Quintán foi restaurada en 2009 pola Xunta de Galicia cun investimento de 407.803 euros co obxectivo de convertela nun centro de vivendas comunitarias para persoas con discapacidade psíquica. Non obstante, tras o cambio no signo político do goberno galego nunca chegou a abrir as súas portas. O alcalde xa anunciou no último Pleno que os propietarios orixinais, que cederon o inmoble para este fin, admiten o cambio de uso para centro de día.
Relacionadas:
-
Oito anos de abandono do "edificio pantasma" da Casa da Quintán
Por Redacción |
-
O Concello de Ponte Caldelas insiste en denunciar o abandono da Casa da Quintán
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas acorda solicitar á Xunta a apertura da Casa da Quintán como centro de maiores
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas reclama á Xunta converter en centro de día a casa indiana de Quintán
Por Redacción |