Cuntis, Meis e Vilanova de Arousa aproban novas obras do Plan Concellos
Por Redacción
Tres novos municipios da área de influencia de Pontevedra seguen a avanzar nos investimentos que permite o Plan Concellos da Deputación. Nos últimos días aprobáronse novas actuacións en Meis, Vilanova de Arousa e Cuntis.
Así, o goberno provincial autorizou o pagamento de case 40.000 euros a Vilanova de Arousa para a mellora da capa de rodaxe e de recollida de pluviais en Baión e Tremoedo.
Con esta actuación, este concello recibiu xa o 73% dos cartos que ten asignados, o que supón un investimento na vila de 422.952,11 euros.
Unha resolución presidencial aprobou tamén destinar 25.000 euros a Cuntis con destino ao arranxo da rúa Castelao.
O grao de adxudicación do Plan Concellos en Cuntis sitúase no 58%, o que supón un investimento na vila de 291.931,42 euros.
Por último, en Meis aprobáronse dúas obras. Por un lado, investiranse 20.000 euros para unha mellora da seguridade viaria no núcleo urbano do Mosteiro; e por outro, 72.000 euros serán para habilitar un albergue para peregrinos.
No que levamos de 2016, o goberno provincial xa leva entregado o 57% do total destinado a Meis ao abeiro do Plan Concellos, situando neste momento o investimento na vila en 249.387,16 euros.