Poio prohibe o uso de herbicidas e insecticidas no municipio
Por Redacción
Outro concello da comarca súmase á guerra contra os herbicidas e os insecticidas. Poio aprobou prohibir o uso en todos os espazos públicos do municipio destes produtos para o control das malas herbas e o tratamento de pragas, polos seus efectos negativos para a saúde das persoas e do medio ambiente.
O seu uso, sinalan desde o Concello, pon en perigo a sectores como a apicultura ou a agricultura e a contaminación que provocan nas augas dos regatos afecta seriamente á fauna e a flora da súa contorna.
Sendo coñecedores do emprego deste tipo de praguicidas por parte das administracións estatal, autonómica e provincial, dende o Concello deuse traslado deste acordo aos distintos organismos públicos para que empreguen métodos de control alternativo e non químicos coa fin de evitar a contaminación do medio e os efectos adversos para a saúde.
Dende a Concellería de Medio Ambiente, dirixida polo nacionalista Xosé Antonio Lodeiro, estase a traballar na difusión deste acordo para acadar o seu cumprimento.
Así se está informando, asesorando e solicitando a colaboración, non só dos organismos públicos, senón tamén dos particulares que así o desexen para o emprego de tratamentos alternativos non agresivos coa fauna e a flora local na loita contra as pragas e a proliferación das malas herbas.